A preocupación do ser humano por entender o Universo e a didáctica de Jorge Mira


images

“E máis que problable que na infinidade do Universo exista vida, pero será moi distinta a humana”, afirmou o profesor Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago, que impartiou onte no Ateneo de Santiago unha lección maxistral sobre a evolución das teorias cósmicas ao longo da historia. Dende a preocupación inicial da humanidade por entender a relación entre a terra o sol e a lúa, ata o descubrimento do Big Bang, que define o momento no que se iniciou a expansión observable do Universo.

Baixo a pregunta ¿Qué distancia nos separa do ceo?, que titulaba a conferencia celebrada onte nos “Luns do Ateneo”, o divulgador científico Jorge Mira viaxou ao longo das respostas históricas que, dende a cultura grega a actualidade, efectuaron as diferentes civilizacions, preocupadas por desentrañar as claves do Universo. Mira partiu dos traballos de observación levados a cabo por Eratóstenes no ano 240 A.C., que determinaron a redondez da terra e un diámetro de 40.000 kilómetros, moi próximo á realidade. O profesor da USC xogou amplamente co sentido do humor e a complicidade do público para, usando ollos, dedos, moedas, entender como coa observación e utilizando pequenas ferramentas, a civilización grega deu respostas a moitas preguntas que consideramos recentes. Destacou como Aristarco de Samos, no século II A.C. demostra que a terra é máis grande que a lúa. E que non só xira sobre si mesma senón tamén en torno ao sol. Establece a distancia entre a terra e a lúa, equivocándose só nun 5%, 400.000 kms fronte a 380.000. Anos despois, Hiparco de Nicea establece o diámetro da lúa.

Ata o Renacemento a humanidade apenas avanza no coñecemento do Universo. Kepler, Joavani Cassini e Halley, a partires do século XVII, desentrañan os misterios dos planetas, as galaxias e o sistema solar, permitindo un mellor coñecemento do mundo das estrelas. Ata principios do século XX, a humanidade só tiña constancia da existencia dun cento de estrelas. Nos últimos cen anos, as aportaciónns de Henrietta Leavit, de Edwin Hubble, entre outros, permiten chegar a comprender o “Big Band”, cuantificado na lei de Hubble, como o momento en que se inicia a expansión do Universo que explica a orixe e a evolución do mesmo.

O conferenciante, presentado polo tamén profesor Emilio Valadé, coordinador da Sección de Cencia e Tecnoloxía do Ateneo, foi seguido con grande interés por un numeroso público que agradeceu a didáctica, o bo humor e a linguaxe divulgativa do conferenciante, longamente aplaudido. Con conferenciantes así, o complexo convértese en fácil e o que semella aburrido en interesante e divertido.

thumb

Advertisements