Sonámbulos

Suso de Toro e Felipe PérezA literatura padece unha crise que vai máis aló do cambio tecnolóxico: afecta a todos os lectores que non atopamos o tempo para a lectura, cousa que todo vivimos e exercitamos cando estábamos incomunicados. Así opina Suso de Toro, un escritor que tivo que parar en seco a súa carreira profesional e volver ao ensino público.  Aínda que perdemos un escritor de referencia, cando menos os alumnos do Instituto Rosalía de Castro de Santiago gañaron un docente extraordinariamente capacitado, con moita obra publicada e pegadas nas principais universidades americanas e europeas.

Os seguidores do Ateneo de Santiago tivemos onte a oportunidade de asistir a un acto que se sae da normalidade: a lectura dramatizada da primeira parte do novo libro de Suso de Toro: “Sonámbulos”, realizada polo actor e filólogo Federico Pérez e polo propio autor do texto que, sen ser unha peza teatral, compuxo nesta ocasión un texto oral: Un debate entre un psiquiatra e un paciente, atormentado polo seu pasado franquista, que reflicte toda a tensión  social e política vivida pola sociedade española nos primeiros tempos da transición. Unha etapa na que teñen a súa raíz gran parte das carencias actuais da democracia española.

O acto tivo no coloquio un extraordinario colofón no que, grazas ao exercicio de sinceridade de Suso de Toro, todos puidemos comprender as dificultades polas que pasa actualmente a literatura e o mundo da edición. Unha crise que cebase de xeito especial na literatura producida nunha lingua minorizada como a galega na que, salvo rarísimas excepcións, resulta difícil sobrevivir como escritor. Casualmente, as portas do acto, ocupando toda a antesala do salón de actos da Fundación, un libreiro ofrecía sen demasiado éxito, a prezos de saldo, gran parte da produción editorial galega dos últimos anos.

Advertisements