96 dos 608 galegos republicanos presos morreron no Forte de San Cristóbal (Navarra)

DSC02775

O ATENEO ABRE UNHA EXPOSICION EN FONSECA SOBRE A HISTORIA DO PENAL MAIS DURO DO FRANQUISMO

“O Forte de San Cristóbal debería figurar dentro dos lugares protexidos pola UNESCO para a recuperación da Memoria, como o campo de exterminio de Auschwitz ou Robben Island, a cadea na que Mandela pasou 27 anos”, afirmou o historiador navarro, Koldo Pla Larramendi, principal estudioso da historia do penal franquista no que morreron máis de 700 presos políticos do franquismo, entre eles 96 galegos.  A intervención do historiador tivo lugar o pasado luns no acto inaugural da exposición “Que aflore o soterrado: O Forte de San Cristóbal na memoria” que dende onte e ata o 2 de marza estará aberta no Pazo de Fonseca. O rector da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García Bodaño, representantes da dúas entidades patrocinadoras da exposición en Compostela, valoraron moi positivamente o esforzo de investigación que hai detrás da mostra, impulsada pola Sociedade Científica Aranzadi, a Asociación Txinparta e a Universidade de País Vasco.

Máis dun centenar de personas, incluidos varios familiares dos 608 galegos detidos no forte, asistiron ao acto inaugural, seguido dunha conferencia no propio Salón Noble de Fonseca, na que Koldo Pla relatou a historia do penal máis paradigmático do franquismo que utilizou unha fortaleza militar na que conviviron maís de 4.000 presos republicanos. Casi 800 deles protagonizaron en  maio de1938 a fuga máis importante da historia do franquismo, co resultado de 220 mortos,  abatidos no monte, entre eles 55 galegos.

O “cementerio das botellas”, no que repousan 131 presos mortos pola tuberculosis, soterrados cunha botella entre as pernas, é un dos aspectos máis chamativos da exposición e conta con una sobrecolledora instalación do levantamento dun cadáver. A mostra está integrada por 35 paneis informativos e unha pantalla de proxección na que, cada día, ás 6 da tarde proxectarase un documental de 1 hora de duración sobre a fuga.

Pódense visionar a conferencia de Koldop Pla e os documentais sobre o Forte de San Cristóbal na web do Ateneo

http://www.ateneodesantiago.org

Advertisements