Unha foto, un reloxo

A fotografía que encabeza este blog corresponde ao establecemento reloxeiro de Jacques Coleno e tomeina na cidade francesa de Vannes o 26 de xullo do 2010. Respondo así á pregunta dunha amiga lectora deste blog que se interesaba pola orixe desta imaxe. Na fotografía gusto do plano de detalle, interésame o deseño e sempre sentín paixón pola reloxería e polos mecanismos que conseguían o movemento perpetuo e eterno. Esta paixón naceu en min cando, a mediados dos sesenta, con once anos, o meu avó materno, Gumersindo Estevez, deixoume en herdo o seu vello reloxo de peto. Era un “Longines. Gran Prix 1900”, de prata, probablemente comprado na Habana e que marcou boa parte do tempo da súa vida, dende a emigración en Cuba a principios de século ata aquela taberna de éxito, “O Carburo”, situada na rúa do Hórreo 19, na que, dende os anos 30, poido vender sen intermediarios a abondosa colleita de viño do Ribeiro e instalarse definitivamente en Compostela. A compañía eléctrica local tardara semanas en instalar a luz e, na súa urxencia por vender o viño, o taberneiro colocou provisoriamente lámpadas de carburo que acabaron dándolle nome a un local que permaneceu aberto ata 1959.

DSC02610

Volvendo á foto de apertura deste blog, a súa elección está en correspondencia co título “Entretempos”, que non só fai referencia aos espazos mortos que me permiten ocasionalmente escribir estas liñas, senón ao paso implacable do tempo que marca as nosas vivencias. Pareceume magnífico cando, percorrendo o casco antigo de Vannes, din coa reloxería e pensei que se trataba dun establecemento histórico. Imaxinei a Jacques Coleno como un vello artesán do século XIX, en pelexa continúa cos tres parámetros que moven o mecanismo que marca o tempo: A forza motriz que crea movemento, o engrenaxe que multiplica a forza impulsora e o escape que regula o tic-tac do reloxo.
Pero non, estaba equivocado, google sacoume fai pouco do equívoco, Coleno ten menos de 60 anos –naceu en 1965- é un empresario moderno, que consigue exportar reloxos e artigos de luxo a medio mundo. Quedémonos pois coa imaxe roubada pola miña cámara do seu evocador anuncio publicitario.

O reloxio do avó

O reloxio do avó

Advertisements