A INTIMIDADE COMO ESPECTÁCULO

DSC_0006

O tratamento informativo do contaxio do virus do ëbola a auxiliar de enfermería Teresa R. está a vulnerar todos os códigos éticos da profesión periodística e converter a este país nunha feira na que se comercializa coa intimidade das persoas, se converte ás vítimas en verdugos e se ofrece ao mundo un panorama tan desolador como a dos países orixinarios desta peste do século XXI. Non é novo este comportamento do sistema mediático e está, sen dúbida, ligado á dobre crise que está a vivir a industria dos medios de comunicación, provocada pola crise económica e polo cambio tecnolóxico, que está a crebar o modelo tradicional imperante ata agora.
Contrasta o comportamento público dos medios co sentir individual e colectivo de moitos profesionais da información que renegan do papel que lle están facer xogar as súas empresas, como acaba de facelo o Colexio de Xornalista de Galicia e que comparto plenamente. A primeira agresión foi desvelar a imaxe e a identidade da vítima, un principio reiteradamente infrinxido pero que non por iso deixa de estar vixente. A segunda foi a difusión, sen consentimento, de todas as fotos persoais e familiares.
Este aspecto abre un debate novo e interesante sobre o papel das redes sociais, especialmente de Facebook, como contenedor de datos e imaxes persoais accesibles ao público. Pode ser discutible ata que punto unhas imaxes subdia á rede perden o seu carácter persoal, pero o que está claro é que subimos as nosas imaxes –as veces íntimas- á rede para compartilas cos amigos e non para nutrir un arquivo de libre disposición para os medios, como está a acontecer.
O Colexio de Xornalista constata unha vez máis a inutilidade da autorregulación como método de vixilancia da deontoloxía periodística e chama á responsabilidade dos profesionais e dos propios medios para evitar a propagación de espectáculos como o que estamos vivindo esta semana. Lamentablemente non vai ser o último deste proceso de descomposición, ata que os medios atopen o seu camiño e os profesionais sexamos autenticamente donos dunha profesión que, pese a todo, ten futuro.

Advertisements