Gill Bird expón os seus Anxos en Ourense

gillbird

Dende o venres pasado e ata o 10 de decembro esté aberta na sala “Marcos Valcarce” da Deputación de Ourense a exposición de pintura e escultura “Anxos” da artista galesa, afincada en Ourense, Gill Bird. Todo un goce para a vista.

Gill Bird fala na linguaxe universal da creación artística para que todos poidamos entender o seu complexo e rico mundo, constituído pola inmensa vida que a rodea na Casa Grande de Soutullo (Coles), o seu obradoiro artístico, no que nacen cadros e esculturas. A súa pintura reflicte a aparencia dos obxectos, paisaxes ou figuras. Represéntanos imaxes recoñecibles do mundo real, pero non como todos os demais as vemos, senón que son interpretadas pola artista dende a mirada subxectiva, recorrendo á imaxinación, rompendo a perspectiva, reformando ou estilizando as figuras, aportando así connotacións internas que reflicten o mundo interior desta galesa-galega instalada nunha globalidade na que Ourense pode ser o centro do mundo..

Cultura, vivencias e influencias marcan a subxectividade dunha artista imaxinativa e cunha grande liberdade expresiva. Unha pintura fortemente influída polos pintores británicos dos 60 e 70, como Julian Freud , na forza do seu debuxo e carácter, e tamén pola primeira etapa de David Hockney , coa súa colección “piscinas” e máis tarde coa súa etapa de photocollage. A inspiración máis actual vénlle da man da tamén británica Jenny Seville, unha das xoves pintoras máis sorprendentes da contemporaneidade.

A pintura de Gill Bird está formada por figuras elegantemente trazadas, con liñas, formas e texturas que nos aproximan sensualmente ás imaxes, tornándose agradables, interesantes, suxerentes. Utiliza unha paleta de colores na que predominan os tons apastelados que, dende unha percepción moi persoal, nos achegan aos grandes creadores ourensanos .  Debuxo, collage, luz, color, son as armas pictóricas coas que Gill Bird nos fai sentir a realidade do seu mundo, que tamén pode ser o noso.

Seguir lendo

Advertisements