Unha foto, un reloxo

A fotografía que encabeza este blog corresponde ao establecemento reloxeiro de Jacques Coleno e tomeina na cidade francesa de Vannes o 26 de xullo do 2010. Respondo así á pregunta dunha amiga lectora deste blog que se interesaba pola orixe desta imaxe. Na fotografía gusto do plano de detalle, interésame o deseño e sempre sentín paixón pola reloxería e polos mecanismos que conseguían o movemento perpetuo e eterno. Esta paixón naceu en min cando, a mediados dos sesenta, con once anos, o meu avó materno, Gumersindo Estevez, deixoume en herdo o seu vello reloxo de peto. Era un “Longines. Gran Prix 1900”, de prata, probablemente comprado na Habana e que marcou boa parte do tempo da súa vida, dende a emigración en Cuba a principios de século ata aquela taberna de éxito, “O Carburo”, situada na rúa do Hórreo 19, na que, dende os anos 30, poido vender sen intermediarios a abondosa colleita de viño do Ribeiro e instalarse definitivamente en Compostela. A compañía eléctrica local tardara semanas en instalar a luz e, na súa urxencia por vender o viño, o taberneiro colocou provisoriamente lámpadas de carburo que acabaron dándolle nome a un local que permaneceu aberto ata 1959.

DSC02610

Volvendo á foto de apertura deste blog, a súa elección está en correspondencia co título “Entretempos”, que non só fai referencia aos espazos mortos que me permiten ocasionalmente escribir estas liñas, senón ao paso implacable do tempo que marca as nosas vivencias. Pareceume magnífico cando, percorrendo o casco antigo de Vannes, din coa reloxería e pensei que se trataba dun establecemento histórico. Imaxinei a Jacques Coleno como un vello artesán do século XIX, en pelexa continúa cos tres parámetros que moven o mecanismo que marca o tempo: A forza motriz que crea movemento, o engrenaxe que multiplica a forza impulsora e o escape que regula o tic-tac do reloxo.
Pero non, estaba equivocado, google sacoume fai pouco do equívoco, Coleno ten menos de 60 anos –naceu en 1965- é un empresario moderno, que consigue exportar reloxos e artigos de luxo a medio mundo. Quedémonos pois coa imaxe roubada pola miña cámara do seu evocador anuncio publicitario.

O reloxio do avó

O reloxio do avó

Advertisements

MATAMOUROS

 

A miña nenez estivo marcada por un cabalo de cartón-pedra ó que chamaba “Morito” é ó que lle debo moitos momentos felices da infancia. Non hai tanto tempo diso, pero daquela non había trebellos eléctricos, nin aparellos complicados para entreter o lecer dos nenos. Con “Morito” era feliz. Camiñaba a impulsos da miña ingua polo corredor da casa, e co pau dunha vasoira abaneando na man dereita eu era quen de conquistar o mundo. Seguir lendo

LEMBRANZAS DUN BOY SCOUT EN COMPOSTELA

 

Gardo un vello diario no que están anotados feitos levados a cabo por min ao longo do ano 1966: “Axudar a atravesar a rúa do Hórreo a unha ancián descoñecida que viña da praza cargada con bolsas”; “ofrecer a metade do bocadillo de pan e queixo a un amigo”; ”buscar sen éxito ao propietario dunha chaqueta caída na rúa..”. eran algunhas daquelas boas accións que todos tíñamos a obriga de facer e anotar nunha axenda para cumprir o ideal Scout. Non sei se todas as accións serían reais ou se había cousas inventadas para facerse o bo, como se inventaban os “pecados” cada vez que un tiña que acudir obrigatoriamente ante un implacable confesor e non había nada que contar.

Porta da Igrexa de Santiago en Ribadavia

Porta da Igrexa de Santiago en Ribadavia

 

Seguir lendo