O Ribeiro: un viño con pasado e moito futuro

 

images-1PREGON DA FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO 2016

O pasado vendes, 29 de abril, tiven a honra de pronunciar en Ribadavia o pregón da 53 edición da Feira do Viño do Ribeiro. Estas foron as miñas palabras:

Unha feira é sobre todo unha festa. Pero unha feira do viño é tamén a culminación dun ciclo que remata na súa boa comercialización, en colocar o viño na mesa do consumidor, que é o traballo máis difícil.

A feira é a posta de largo duns viños que teñen que triunfar por méritos propios tanto no branco mantel dun restaurante con estrelas, no humilde fogar dun bebedor con criterio, como na barra dun bar ou na cata dunha publicación especializada.

Autoridades, bodegueiros, cooperativistas, traballadores da vide, visitantes, queridos amigos e amigas, amantes todos do bo viño. Hoxe nos reunimos aquí na 53 edición da Feira do Ribeiro para celebrar e, sobre todo gozar, da excelencia dun viño milenario que se renova cada ano. A colleita do 2015 está hoxe de gala para demostrarlle ao mundo que o Ribeiro non vive de rendas, que somos unha realidade vinícola en constante evolución.

O Ribeiro, amigos, non puido ter mellor nome. Como o Bordeaux, de orixe e historia tan paralela, o Ribeiro é o nome do viño e é o nome da terra. Da terra, na que se cultivan as cepas e onde se elabora dende hai centos de anos, un dos caldos máis gloriosos do Atlántico.

Pasamos épocas de esplendor e de gloria, conquistando mercados nacionais e internacionais, pero tamén, por demasiado tempo, descendemos aos infernos do díos Baco, con pragas que arruinaron as nosas vides, con penurias que por décadas expulsaron do Ribeiro a numerosa poboación, con comercializacións fraudulentas que prexudicaron o noso prestixio, con vales anegados e perdidos en aras dun falso progreso, con loitas sociais pola mellora da distribución das terras e das condicións de vida.

Aínda son moitos os problemas, pero o peor semella que xa pasou. Grazas ao soporte técnico de modernas institucións, investigadores e científicos e ao traballo dos viticultores, recuperamos a esencia das nosas vides de sempre: Estamos comezando a facelo ben, pero non nos durmamos, porque os nosos caldos aínda poden dar moito de si neste imparable proceso de renacemento que vive o Ribeiro. A idade de ouro do Ribeiro aínda está por chegar.

Os viños son consecuencia dun clima e dunha terra, do meridiano e o paralelo no que estamos situados, da altitude e a edafoloxía, pero tamén dunha vella tradición que evoluciona constantemente. Seguir lendo

Advertisements

“Gandaron”: A idealización do pasado celta do Ribeiro

PRESENTACIÓN DA NOVELA CELTISTA DE ELADIO RODRÍGUEZ.

Libreiría “Couceiro” 18 xaneiro de 2016-01-20

Bieito Ledo, Xosé Ramon Pousa, Xesús Alonso Montero e Eladio Rodríguez

Bieito Ledo, Xosé Ramon Pousa, Xesús Alonso Montero e Eladio Rodríguez

O autor presentou este martes en Santiago a súa primeira novela, unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor. No acto estiveron presentes o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa. 

Eladio Rodríguez Fernández recoñece estar “interesado por moitas cousas, pero sobretodo por Galicia”. Un interese que se converte en admiración e que se atopa no xerme da súa primeira novela, que foi presentada este martes na mítica libraría Couceiro de Santiago, nun acto que contou co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e co decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa.

A obra ‘Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira’ é unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor,unha historia sorprendente que pode chegar a inaugurar un novo xénero dentro da literatura galega.

Gandarón e Martiño, xunto aos grandes xefes dos castros, e coa axuda inestimábel da Excel. Becha Usía, tentarán opoñerse aos desexos de destrución e cobiza dos invasores das terras do Avea. Estes invasores non son outros que os romanos, ansiosos con facerse co maravilloso viño do Ribeiro, cuxa orixe mítica é situada polo autor nesta novela. 

Unha historia de resistencia que responde á vontade de retorno do autor, que reivindicou na presentación do seu libro a cultura galega das 30.000 aldeas. Asegura que “hai que escapar das cidades, volver á cultura das aldeas. Ahí está a verdadeira vida, a liberdade de poder observar todos os días como sae e se pon o sol”.

Desa vontade de retorno, unida á fascincación do autor polo propio megalito de Pena Corneira, nace unha obra que xa se ten gañado a admiración de pesos pesados do mundo da cultura galega.

O director da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero foi o encargado de redactar o prólogo da obra, dándolle prioridade sobre outras tarefas que tiña pendentes. Admite que sufriu un intento de suborno por parte do escritor, que lle levou unha caixa do seu coñecido viño “Tarabelo”.

Pero Alonso Montero reivindica que non é fácil de subornar, se escribiu o prólogo é porque se rendiu á calidade dunha obra que segundo as súas propias verbas “pode anunciar a aparición dun xénero que non é exactamente o tipo de literatura imaxinativa que facía Cunqueiro ou que fixo no seu día Daniel Cortezón naquela novela que se titulaba “Nas covas do rei centolo”, pero que non é allea naturalmente a este modo narrativo”

Na mesma liña expresouse o decano da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, Xosé Ramón Pousa, que falou dun libro “sorprendente, cheo de imaxinación, entre o realismo máxico e a veces o surrealismo”, que ademais conta “cun galego resoante, excelente, cheo de voces evocadoras dun pasado xa perdido”

Estas foron as niñas palabras no acto:

 

“Eladio Rodríguez Fernández é un home polifacético e prolífico en moitos aspectos técnicos, -construtor, enólogo- e tamén artísticos, músico e poeta. El leva anos elaborando un dos mellores viños do Ribeiro, para o que fan falla habilididades técnicas pero tamén artísticas.

Eladio e eu compartimos bisavó, Darío Pousa Nogueiras, un músico que dirixiu a comezos do século XX a escisión conservadora da Lira de Ribadavia. Non era un grande mérito nunha vila de pouco máis de mil habitantes, a fins do XIX, na que chegou a haber tres bandas de música en simultáneo. Eladio e eu compartimos moitas historias e lendas froito da tradición popular, algunhas das cales inspiran pasaxes do libro que hoxe presentamos.

O que poucos saben é que as cepas que orixinan os seus viños: a treixadura, o loureiro, caíño, sousón, brancellao… medran sobre un dos máis grandes e antigos castros do Ribeiro, de aí que o seu viño branco se denomine Torques do Castro. Efectivamente, nese inmenso castro, recostado cara o poñente, teñen aflorado ao longo dos séculos, mesmo no traballo cotidian de cavar as viñas, todo tipo de restos dunha vella civilización, en forma de cachos de cerámica, pedras traballadas, moedas, elementos de ferro corroídos polos séculos e mesmo obxectos de ouro que alimentaron todo tipo de lendas populares, incluída, por suposto, a existencia dos mouros que viven baixo terra e afloran en circunstancias especiais e sempre misteriosas.

Estou por dicir que os viños de Eladio aliméntanse dos tesouros que aínda se ocultan baixo as raiceiras desa viña máxica implantada sobre un castro aínda por escavar. Quizais iso explique o éxito deses caldos nos que un catador experimentado palpa matices históricos somatizados polas videiras . Pero o que si é seguro é que a viña do castro xustifica a paixón de Eladio polo celtismo e a elaboración diste relato que agora presentamos e unha consecuencia. “Gandarón ou o gran falo megalítico de pena Corneira”, polo interese que hoxe esperta o celtismo, abre un filón na narrativa de creación galega, contribuíndo á construción dun imaxinario colectivo que a sociedade demanda, aínda que a ciencia non o poida acreditar. Unha ciencia histórica dividida entre quen afianza a presenza dos celtas en Galicia e os negacionistas que descartan radicalmente ese orixe do pobo que habitaba estas terras antes da chegada dos romanos.

A base de bo viño e de traballar na viña do castro é posible que Eladio conectase telúricamente cos “mouros” que alí viven e recibise información privilexiada de cómo era a intensa vida que alí había antes da chegada dos romanos. Eu fun de neno a esa viña e meu pai, seguro que para que non enredase, dicíame: “Cala neno e escoita por se falan os mouros…”. A pesar de calar, parar de brincar e tremer de medo por se falaban, nunca escoitei nada. Pero digo eu, que algún día falarían.

O mito do Celtismo, levantado polo romanticismo do Rexurdemento a finais do século XIX –principalmente por Murgía e Vicetto-, é un movemento europeo, festivo, reconstrucionista e pagan, vivo dende finais do XIX, como dicía, pero solo visible dende a década dos 70 do século XX en que estoupa como un movemento internacional histórico, literario e musical. Tendencialmente, o celtismo retoma a primitiva festa celta, practicada na antiga zona xeográfica da Galia, Irlanda e o noroeste da península ibérica, antes da expansión do cristianismo. Como reflicte o libro de Eladio, trátase dun sistema relixioso panteísta, animista e politeísta que ten influenciado movementos contemporáneos como a Filosofía da Nova Era e a denominada Wicca, que afectou en particular á droctina druidista, unha das ramas celtistas de maior auxe.

Non é nada novo. A historia do celtismo comezou no século XVIII, concretamente en 1781 coa fundación anglosaxona da Antiga Orde dos Druídas, unha organización secreta e iniciática que establece e reinventa o que a ciencia non puido demostrar. A tendencia é que poucos entre os celtistas modernos consideran demasiado importante o legado coa vella tradición do paganismo celta. A maioría druidista recoñece de feito a necesidade dunha innovación e dun desenrolo da tradición celta en harmonía co contexto da sociedade moderna. Semella normal, pois, que Galicia, que por tradición, música e estética está nesa órbita, entra de cheo neste movemento fondamente europeo, e, consecuentemente, coma fixo no mundo da música, traslade á súa creación artística unha estética europea tan vixente e potente. Ogallá, no seo da literatura galega, este xénero literario tire da audiencia xuvenil que tan apartada está da literatura clásica.

Amigos. Estamos ante un libro sorprendente, cheo de imaxinación. Entre o realismo máxico e o surrealismo. Unha narración que rompe co tempo e co espazo, saltando etapas históricas e trasladando no tempo dun lado para outro a personaxes actuais como Zeca Alfonso, María do Ceo e a Cristina Pato, pero que está cheo de valores. A narración de Eladio Rodríguez trasládanos a un mundo suxestivo. E faino cun galego resoante, excelente, cheo de voces evocadoras dun pasado xa perdido. Os nomes dos lugares, das fontes, dos ríos e dos montes, reflicten a rica toponimia do Ribeiro. Os nomes das cousas e das xentes devólvenos a ese punto dos alcumes, anterior á chegada dos apelidos.

Non sei si Eladio terá meditado en como este libro lle pode cambiar a vida. Pero si, como parece, o libro triúnfa pode ter efectos secundarios de gran trascendencia e altamente preocupantes. O primeiro: Pode reactivar a política do patrimonio cultural e mover a algún político a retomar a abandonada tarefa de investigar sobre o pasado do país dos cinco mil castros. Isto acabaría na expropiación e escavación da viña do castro de Beade. Seguro que sería estupendo para Galicia, pero un desastre para Eladio e, sobre todo, para a enoloxía que perdería dous grandes viños. O segundo, máis probable, e tamén nefasto para o viño: é que o triunfo o leve –a Eladio- a dedicarse plenamente á tarefa de escribir e deixe definitivamente a viticultura.

Como amigo, e como parente, coido que nada debe nubrar o pensamento dos que queremos probar novas colleitas da viña do Castro da Forxa na novela, e que, como foi posible ata o de agora, Eladio poida avanzar na súa saga céltica que está chea de beleza e potencial. Como diría Cunqueiro: Estou seguro que a maior parte do que se conta en Gandarón non foi así, pero como non temos fontes que nos digan o contrario, qué bonito sería que tivese sido como o narra Eladio Rodríguez. Que o disfruten. Tanto a novela como o viño

Moitas grazas”