O Ribeiro: un viño con pasado e moito futuro

 

images-1PREGON DA FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO 2016

O pasado vendes, 29 de abril, tiven a honra de pronunciar en Ribadavia o pregón da 53 edición da Feira do Viño do Ribeiro. Estas foron as miñas palabras:

Unha feira é sobre todo unha festa. Pero unha feira do viño é tamén a culminación dun ciclo que remata na súa boa comercialización, en colocar o viño na mesa do consumidor, que é o traballo máis difícil.

A feira é a posta de largo duns viños que teñen que triunfar por méritos propios tanto no branco mantel dun restaurante con estrelas, no humilde fogar dun bebedor con criterio, como na barra dun bar ou na cata dunha publicación especializada.

Autoridades, bodegueiros, cooperativistas, traballadores da vide, visitantes, queridos amigos e amigas, amantes todos do bo viño. Hoxe nos reunimos aquí na 53 edición da Feira do Ribeiro para celebrar e, sobre todo gozar, da excelencia dun viño milenario que se renova cada ano. A colleita do 2015 está hoxe de gala para demostrarlle ao mundo que o Ribeiro non vive de rendas, que somos unha realidade vinícola en constante evolución.

O Ribeiro, amigos, non puido ter mellor nome. Como o Bordeaux, de orixe e historia tan paralela, o Ribeiro é o nome do viño e é o nome da terra. Da terra, na que se cultivan as cepas e onde se elabora dende hai centos de anos, un dos caldos máis gloriosos do Atlántico.

Pasamos épocas de esplendor e de gloria, conquistando mercados nacionais e internacionais, pero tamén, por demasiado tempo, descendemos aos infernos do díos Baco, con pragas que arruinaron as nosas vides, con penurias que por décadas expulsaron do Ribeiro a numerosa poboación, con comercializacións fraudulentas que prexudicaron o noso prestixio, con vales anegados e perdidos en aras dun falso progreso, con loitas sociais pola mellora da distribución das terras e das condicións de vida.

Aínda son moitos os problemas, pero o peor semella que xa pasou. Grazas ao soporte técnico de modernas institucións, investigadores e científicos e ao traballo dos viticultores, recuperamos a esencia das nosas vides de sempre: Estamos comezando a facelo ben, pero non nos durmamos, porque os nosos caldos aínda poden dar moito de si neste imparable proceso de renacemento que vive o Ribeiro. A idade de ouro do Ribeiro aínda está por chegar.

Os viños son consecuencia dun clima e dunha terra, do meridiano e o paralelo no que estamos situados, da altitude e a edafoloxía, pero tamén dunha vella tradición que evoluciona constantemente.

images

 

O viño é o sangue da terra. Metaforicamente falando poderíamos dicir que un Ribeiro é a esencia da nosa paisaxe metida nunha botella para goce dos bebedores. Pero o viño –O Ribeiro- tamén é o resultado dunha cultura, produto da sabedoría, da experiencia acumulada xeración tras xeración e que, nestes momentos, co apoio da tecnoloxía acada certo esplendor.

Amigos do Ribeiro, estaremos no bo camiño si sabemos conservar a personalidade que, en definitiva, é o que define e distingue aos nosos viños. O que nos coloca no mundo. Agora máis que nunca, na globalidade da sociedade da comunicación, imos sobresaír se sabemos definir aínda mellor esa personalidade, a nosa idiosincrasia. Se somos quen de lograr viños inconfundibles no escenario internacional.

Queridos amigos: Sorprendeume gratamente, e quero agradecerllo publicamente ao Consello Regulador e ao Concello de Ribadavia, o meu nomeamento como pregoeiro desta festa que vivín de neno nos seus comezos. Sorprendeume porque está de moda un perfil de pregoeiro máis ligado ao mundo da farándula e do famoseo televisivo que ao dun humilde estudoso académico, aínda que sexa en temas de comunicación.

En todo caso estou ben contento de estar hoxe aquí porque a miña presenza na Vila, en Ribadavia, reconcíliame co pasado. En centos de anos de tradición familiar, pertenzo á primeira xeración de desertores da viña, cousa da que me arrepinto e estou tratando de remediar tardiamente, porque rompo a tradición secular dunha estirpe de labregos que non souberon facer outra cousa que viño.

Nunha terra de monocultivo como esta, a peor desgraza é que haxa pouca colleita ou viño en exceso. Xa dicía fai douscentos anos un ilustrado de ampla visión económica, Pedro Antonio Sánchez, aquel que quería facer navegable o Miño dende Ribadavia, “esta falta de extracción –referíase a perda dos mercados exteriores do viño- hace que los naturales del Ribeiro miren con igual horror la abundancia que la escasez de la cosecha”.

A finais dos anos vinte do século pasado, os meus avós saíron de Beade con dous carros de bois cargados de pipotes de viño para intentar vendelo en Compostela, antes que tiralo pola Petada abaixo. O certo é que tardaron tres días en chegar a Santiago, contrataron un baixo na rúa do Hórreo que iluminaron con candelos de carburo, ante a falta de luz eléctrica, e en menos de dez días venderon toda a colleita. Nacía así unha taberna histórica: “O Carburo” e o éxito de Gumersindo Estévez, -o do Carburo-, fixo que tras del tirasen cara Compostela máis dunha ducia de veciños do Ribeiro que case sen pensalo se converteron tamén en taberneiros. Taberneiros simbióticos, produtores e vendedores ao mesmo tempo, que romperon o mercado do matute, do viño de almacén, ofrecendo unha alternativa aos viños acedos e turbios imperantes naquel importante mercado.

Eles crearon en Compostela unha cofradia de ribeiráns integrada por ducia e media de locais, nos que era posible beber un viño digno do seu nome. Eu nacín entre os pipotes daquela taberna do Carburo que se extinguiu nos anos sesenta. Meu avó materno foi taberneiro, meu pai foi taberneiro, todos os meus tíos, que non eran poucos, tiñan taberna en Compostela.

Comprenderedes que con este panorama familiar o Ribeiro e as preocupacións que trae o viño estiveron presentes sempre nos inicios da miña vida. A infancia que vivín estivo ligada ao ciclo do viño, con viaxes continuos entre Santiago e as terras do Ribeiro e estancias máis prolongadas nas vendimas, onde escoitei e vivín alucinantes historias das xentes desta comarca singular.

Porque o viño e a xente discorren en paralelo A vida humana, multiplicada por anos, é o máis comparable ao ciclo do viño. Nace das uvas, fermenta, críase nas pipas e nas botellas, e morre na copa. Un carrusel que se repite cada ano. Que obriga a emprender unha xeira de constante traballo na viña: podar, rodrigar, abonar, binar, sulfatar, desfollar, vendimar… De delicada labor na bodega: despalillado, pisado, fermentación, a saca, o prensado, a trasega… De complexa comercialización no mercado. En esencia estas labores seguen sendo as mesmas, pero afortunadamente, en poucos anos, téñense transformado profundamente.

Esta feira que hoxe abrimos é o mellor escaparate para o mundo, un instrumento necesario para a súa difusión. O mercado, e en especial o do viño, está composto por infinidade de factores de difícil control. O comportamento do bebedor evoluciona no tempo. Actualmente os consumidores utilizamos as tecnoloxías para indagar previamente á realización da compra, incluso en mercados tan tradicionais como os do viño.

Resulta moi útil comparar os produtos, buscar información sobre as bodegas e coñecelas, ler comentarios e recomendacións, buscar os lugares nos que se ofrece o viño para ir sobre seguro, e todo elo grazas ás novas tecnoloxías que permiten realizar todo isto dende a casa ou a pe da rúa grazas ao móbil. Existen ducias de publicacións especializadas, de blogueiros que marcan tendencias, de referidores nacionais e internacionais que impoñen os gustos.

Trátase dun proceso de compra bastante complexo que choca coa simplicidade de antes, pero a pesar da súa dificultade é extremadamente útil para o consumidor. Tamén para o produtor se o sabe aproveitar.

O bo viño é a esencia do mercado, pero a calidade sola non chega. Para vendelo na sociedade actual, lonxe da publicidade tradicional, temos que ser conscientes da necesidade colectiva de desenrolar políticas de comunicación adecuadas, como as que en certo modo xa están en marcha. Facer un viño excepcional é un compromiso individual de cada bodegueiro, posicionar a marca de toda unha denominación de orixe é unha responsabilidade colectiva que esixe unha estratexia de comunicación ambiciosa, planificada, que nos implique a todos.

E ben certo que a ciencia e a tecnoloxía lograron mellorar moito a calidade dos viños e que a revolución máis clara tense producido na bodega. Co incremento dos coidados e saberes ata chegar ao embotellado conseguíronse enormes melloras do viño que degustamos na copa, empezando pola fragancia e os aromas de froitas nos viños frescos que caracterizan máis que nunca ós nosos brancos. Pero tamén nos tintos plurivarietais que van camiño de facerse grandes.

Dende o Ribeiro temos que defender esta personalidade do viño, incluso fomentar as particularidades das subzonas do Miño e do Avia, fronte a tendencias uniformadoras, favorecidas pola globalización. Escapemos da estandarización dos aromas, co uso de levadoras e variedades implantadas masivamente, da universalización das técnicas e as modas impostas polos gurus dos viños que tenden a normalizar un produto, a eliminar diferenzas entre unha e outra denominación de orixe, a impoñer cepas rompendo coa xeografía. A conseguir viños de moda, con parecidos valores de cata e gusto aínda de zonas ben distintas.

Diciámolo ao principio. O Ribeiro ademais dun viño é un territorio con relato histórico propio. Estamos na comarca con máis personalidade e unidade de Galicia. Ese abrazo sensual e mítico do Miño e do Avia e dos seus afluentes constitúe unha paisaxe singular, un territorio único, con unha economía común, centrada na vide, e unha historia que está na raíz mesma dun dos reinos más antigos de Europa.

Temos un patrimonio material e inmaterial excepcional. A paisaxe de vales e ríos no que entre as vides proliferan castros celtas e romanos, pontes, castelos, igrexas prerrománicas, románicas e barrocas, forman un patrimonio material inconmensurable. A cultura, a lingua, a historia, a música, a aportación literaria dos ilustrados, poetas e pensadores nacidos nesta terra, complementan esa riqueza inmaterial, que non se pode ver pero que é palpable en cada recuncho do Ribeiro. Dalgunha maneira, todo iso está no viño.

 

Ou estamos cegos, ou temos que recoñecer que no Ribeiro, como na Borgoña, paisaxe, cultura e viño son a mesma cousa, que se potencian mutuamente, que fortalecen ese produto que metemos nunha botella e que leva implícita a nosa esencia mesma. Xa temos un viño punteiro, pero quero aproveitar esta tribuna para, dende Ribadavia a capital do Ribeiro, facer un chamamento á recuperación da paisaxe, a conservación da flora e da fauna autóctonas, a mellora urbanística dos nosos núcleos e aldeas, a deter a sangría humana do envellecemento da poboación, ao impulso da cultura popular, para que viño e terra sexan a mesma cousa.

O enoturismo consiste en potenciar e xestionar a riqueza vitivinícola dunha determinada zona rural e dar a coñecer no seu lugar de orixe os seus produtos ao consumidor final. Está intimamente relacionado co turismo gastronómico, cultural e da saúde e beleza. De maneira que os turistas coñecen así a zona vitivinícola a través da degustación dos seus viños e a visita ás bodegas e viñedos. Trátase dunha experiencia enriquecedora en calquera das súas vertentes e formas e para as bodegas supón un importante suplemento de ingresos.

O enoturismo, do que xa existen exemplos paradigmáticos na comarca, non solo está a xerar ingresos aos propietarios dos establecementos, senón que está a desenrolar o turismo nas zonas produtoras de viño. O turismo do viño configurase como unha das actividades dinamizadoras más importantes a ter en conta no desenrolo das zonas vinícolas. O enoturismo é unha importante fonte de riqueza nas rexións vinícolas de toda Europa, especialmente en Francia, ou en Italia, mesmo en Austria. Unha corrente única para a promoción do viño e das bodegas nas que O Ribeiro pode e debe xogar un papel fundamental.

Dixo Don Alvaro Cunqueiro que “O viño é o máis fastuoso sangue da terra, de toda a terra. Os viños galegos dan cada día unha lección de humildade e de concordia ao bebedor. Son amigos que, botándoche unha man na canseira dos días, axúdanche a vivir a longa vida, fan locuaz ao galego calado e consérvano soñador”

Soñemos pois -en versos de D. Eladio Rodríguez González- dende este:

Corruncho do paraiso,

anaco solto do ceo,

xardín de veigas froridas

e de recendentes cheiros,

país de ensoños e de groria

pasmo de propios e alleos,

terra de meigas e fadas

¡meu Ribeiro¡

 

Amigas e amigos, probade o viño, coñecede á xente que o fai, absorbede aromas colores e gustos. E sobre todo:

!Beban e disfruten porque onde non hai viño non hai alegría¡

Moitas Grazas

images-2

Advertisements

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s